Friday 03 de May de 2024

O Concello de Ordes aproba os seus orzamentos


As nova contas ascende a 10.100.000 €, un 11,02% máis que nos anteriores

O Concello de Ordes vén de aprobar os orzamentos correspondentes ao ano 2018, cun importe que ascende a 10.100.000 €, o que supón un 11,02% máis en comparación cos do pasado exercicio.

No apartado de ingresos sobresaen 3.191.000 € de impostos directos, 3.133.750 € de transferencias correntes, 1.802.000 € de transferencias de capital, 1.438.637 € de taxas e prezos públicos, 389.046 € de pasivos financieiros, 73.500 € de impostos indirectos e 74.069 € de ingresos patrimoniais.

No capítulo de gastos o groso máis notable é o de gastos correntes en bens e servizos con 3.851.951 €, seguido do gasto de persoal con 2.112.563 €. Notable é tamén a partida destinada a investimentos reais por un total de 2.704.697 €, o que supón case o 27% do total dos orzamentos. A táboa numérica complétase con 532.729 € destinados a transferencias correntes, 883.741 € de pasivo financieiro e 15.505 € de gastos financieiros.

Ditas contas son calificadas, segundo o informe de Intervención, como “reais e equilibradas” e cumpren co disposto na Lei orgánica de estabilidade financieira. Caracterízanse polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as liñas fundamentais dos mesmos “o saneamento das contas municipais mediante a contención de gasto público; a eficiencia na asignación dos recursos; a sustentabilidade dos servizos fundamentais; o mantemento dos créditos destinados a política social, de emprego e fomento económico e investimentos produtivos”. Increméntanse as partidas destinadas a políticas sociais entendidas como a suma das destinadas a gasto social, educativo, cultural e deportivo. No caso da protección e promoción social sube nun 6,58%. Ademais tamén cabe sinalar a achega de 680.000 € de fondos propios do Concello para o financiamento de investimentos (a maior dende 2010). A produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) engrosan os seus créditos nun 15,81%, máis dun 28% máis dende 2015, mentres que no que se refire ás actuacións de carácter económico medran case o 11%.

Amortización de débeda
No que atinxe á amortización de débeda destinaranse 165.000 € procedentes do POS + 2018. Unha cifra que se espera incrementar segundo manifestou o alcalde, “tal e como ven acontecendo nos últimos anos dada a boa xestión que se leva a cabo”.

A non adscrita Beatriz Martínez Candal rexeitou os orzamentos e manifestou o seu descontento “porque chegan tarde”. Sinalou como un dos puntos máis notables a ausencia de cartos destinados a arranxar o sistema de iluminación público. Quenes tampouco os apoiaron foron os concelleiros de UxO, que criticaron a falta de investimento para a substitución de tubaxes de fibrocemento na rede de abastecemento, para emprego, de cara á mellora de instalacións educativas ou tamén en servizos sociais,. Ademais reclamaron unha baixada de impostos. Tamén se mostraron descontentos os membros do BNG que botaron de menos un plan para evitar a perda de poboación no municipio. Tildaron de “partida inflada” a que corresponde a outras administracións, poñendo como exemplo os 600.000 € destinados á construción do novo centro sociocomunitario Isabel Zendal.

O Partido Socialista optou pola abstención. Calificou de “escasas” as cantidades destinadas á mellora da rede de abastecemento, ás axudas a deportistas, ao arranxo dos sumidoiros e do pavillón do Mesón do Vento etc. Onde si se mostrou satisfeito foi no incremento para axudas de material escolar e servizos sociais.

Quen si emitiu o seu voto favorable, ademais dos membros do Goberno local, foron os non adscritos Roberto González, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez.

Modificación de crédito
Outro dos debates principais tivo que ver coa modificación de crédito por un importe total de 655.500 € para os seguintes proxectos: abastecemento na rúa Galicia e arranxo de beirarrúas e pavimentación na rúa Lagartos, obras de humanización no cemiterio do Piñeiro, construción da senda peonil es As Casillas (marxe dereita da N-550), instalación dun parque infantil cuberto no Campo da Feira e o acondicionamento do local social na parroquia de Buscás (A Rúa). Unha modificación amparada no superávit rexistrado no 2017 que ascende a 1.039.000 €, así como no informe favorable emitido polos técnicos. Finalmente a prposta saíu aprobada con voto a favor de todas as forzas, agás a abstención dos nacionalistas. Esta postura argumentouse en aspectos como a súa desconformidade coa estética escollida para a cuberta do parque, ou o trazado plantexado na senda peonil.

Tamén se acordou a cesión a Unión Fenosa Distribución S.A. dun tramo de 51 metros lineais na marxe esquerda da Rúa Reverencia, co fin de poder proceder coas canalizacións subterráneas para a instalación de condutores eléctricos de media e baixa tensión. Neste punto abstivéronse BNG, a non adscrita Beatriz Martínez Candal e o voceiro socialista Alejandro Manteiga, este último por tratarse dunha moción estreitamente relacionada coa súa actividade profesional.

Non eólicos
A última moción que se atendeu nesta sesión correspondente ao mes de maio foi a presentada polos nacionalistas, na cal se solicita á Consellería de Economía, Emprego e Industria a reforma do Plan Eólico de Galicia nos termos reflectidos na declaración institucional realizada polos concellos de Ordes, Frades, Oroso e Mesía. Tamén se reclama un aumento das distancias dos aeroxeneradores ás delimitacións de chan de núcleos rurais, urbanos ou urbanizables. Na votación o PSOE se abstivo, e os non adscritos Roberto González, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez votaron en contra. As demais forzas optaron polo si.

Aínda que na orde do día figuraba a ratificación da anteriormente citada declaración institucional, o alcalde de Ordes decidiu retirala da votación da orde do día ao non acadarse un acordo unánime por parte de todos os grupos representados no Pleno. Aínda así, e ante a presenza de moitos e moitas dos integrantes da plataforma Non eólicos na comarca de Ordes, físoxe unha votación simbólica na que o Goberno local evidenciou o seu rexeitamento á instalación de aeroxeneradores na zona.